Hai uns días, acudín ao Hula, para uns complexos análises dos que os especialistas saberán se o meu organismo se axusta aos parámetros que determinan o estado de saúde. Digamos que cando se obteñen mostras tan directas, non hai problema por aceptar como lóxico o resultado da investigación.
Algo máis difícil de comprender resulta o proceso das probas efectuadas aos conductores para comprobar se o seu estado é axeitado para guiar un vehículo automóbil. Pero é xeralmente aceptado que con só soplar nun tubo que levan os axentes, sábese se o conductor tomou bebidas alcohólicas ou estupefacientes, que dificultarán ou imposibilitarán a conducción.
Pero o que me resultou asombroso, pura ciencia ficción, é o resultado dun estudo publicado en La Voz de Galicia, feito polo Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomanías con sede en Lisboa, do que se deduce que Santiago de Compostela é unha das cidades europeas onde máis cocaína se consume.
Diante diso, un pensa nunha investigación sociolóxica profunda, cunha enquisa polas rúas e domicilios especialmente a xente moza, investigación nas canles de distribución deste produto tan pernicioso para a saúde, e mesmo investigacións policiais sobre o trafico de drogas na capital galega. Pois non, e velaquí o novidoso do sistema xa que a investigación ven de facerse en 60 cidades europeas analizando as augas residuais, de maneira que a través das augas suxas dunha cidade se pode coñecer o que os seus habitantes expulsan pola orina de determinados productos consumidos.
Conclúe o estudo que o consumo de cocaína é importante no occidente de Europa e insignificante na Europa oriental; e a primeira cidade cocainómana española é Barcelona, seguida de Valencia, e logo Compostela, no posto 19 de 60. Non me sorprende o resultado; sorpréndeme o estudo, os materiais empregados e as conclusións.
Pensabamos estar controlados por Facenda, a policía, os organismos de seguridade… pero nunca ata o extremo de saber que consumimos a partir de augas que coidabamos se perdían no río ao que se verquían. É para pararse a pensar antes de verquer nada ao exterior, e imaxinar a información que poderían obter se analizan o lixo casa por casa.