O Grupo Municipal Socialista vén de facer unha crítica ao goberno local polo deterioro no interior da piscina municipal, onde se derrubou parte do teito dunha das dependencias. Así pois, sinalan a incoherencia de ter gastado na reparación e mellora deste edificio 280.000 euros nunha actuación aínda sen rematar, e atoparse actualmente nestas condicións que perxudican tanto ao persoal como aos usuarios e usuarias da piscina.
Neste senso, os socialistas subliñan “a irresponsabilidade do equipo de goberno, posto que ademais da demora nas obras, agora o teito está caendo, filtra auga para o interior, e as persoas que utilizan estas instalacións municipais trasladan queixas como o mal olor nos vestiarios”. Polo tanto, piden que se poñan solucións de inmediato e que “comecen a ser dilixentes nas actuacións levadas a cabo polo Concello tanto para un uso adecuado das instalacións por parte da veciñanza, así como por cuestións lóxicas de calidade e garantías nas obras realizadas”.
Por último, o PSOE levará a pleno unha pregunta sobre os retrasos que se están a producir desde principios de ano nos pagos aos traballadores e traballadoras da piscina municipal, “esperando que se solucionen con celeridade”.