O grupo municipal de Cidadáns esixiu esta mañá ao Goberno municipal que adopte “medidas para acabar cos frecuentes accidentes que se producen na Ronda do Carme”. A voceira da agrupación no Concello de Lugo, Olga Louzao, presentou, a petición dos veciños desta zona, unha iniciativa na Comisión de Tráfico para “que se garanta a seguridade viaria e a protección dos peóns”.
Olga Louzao lembra que a Ronda do Carme forma parte da chamada segunda ronda de circunvalación da cidade e que “son numerosos os vehículos que exceden a velocidade permitida nesta vía, limitada a 50 quilómetros por hora, o que provoca un problema evidente de seguridade viaria que constatan os datos de siniestralidade”. Neste sentido, lembrou que só durante o ano pasado producíronse 7 accidentes nos que houbo 3 feridos leves e que este ano xa se teñen producido diversos sinistros nesta zona.
Segundo datos do propio Goberno municipal, aportados na Comisión a petición de Cidadáns, na Ronda do Carme producíronse desde o ano 2012 un total de 61 accidentes, entre eles 6 atropelos, cun balance de 10 feridos leves. Esta “alta siniestralidade”, que se concentra en dous “puntos negros”,o cruce coas rúas Santiago e República Arxentina e a zona próxima á fonte dos Ranchos, débese, en opinión de Olga Louzao, por un lado a factores derivados da falta de sensibilidade e concienciación dos condutores e, por outro, a “deficiencias en canto a sinalización da vía”, que combina tramos de dous carrís con outros nos que a circulación se reduce a un só.
O Goberno municipal recoñeceu na Comisión celebrada o venres pasado ser consciente do problema e ter recibido varias queixas de veciños da zona ao respecto, entre elas un escrito asinado por unha comunidade de veciños desta rúa reclamando actuacións. Sen embargo, o executivo de Lara Méndez non ten aínda ningunha decisión tomada sobre as medidas a adoptar e indicou que están pendentes de que dictaminen os técnicos do Gabinete de Tráfico, que barallan, entre outras, como solución repintar a rúa, explicou Olga Louzao. Cidadáns considera que “unha posible solución podería ser reducir dos dous actuais a un único carril de circulación en todo o tramo comprendido entre a rúa Santiago e a Fonte dos Ranchos”.