O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Deputado de Cooperación cos Concellos e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentaron este mércores o I Torneo Montes e Vales Orientais de baloncesto, que organiza a Agrupación Xuvenil Sagrado Corazón co apoio do Goberno da Deputación e do Concello da Montaña Lucense, e no que participarán preto de 200 xogadores e xogadoras de entre 12 e 15 anos.
O evento terá lugar os días 31 de marzo e 1 de abril no Polideportivo Municipal e o Pavillón do IES Fontem Albei do municipio da Fonsagrada. Tamén se empregarán as instalacións da Escuela Hogar para comedor e aloxamento dos equipos. No acto de presentación participou, ademais, o responsable da AX Sagrado Corazón, Rubén Engroba, e a Xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez Sánchez.
Rivera Capón subliñou que “é un orgullo poder colaborar co Concello da Fonsagrada para facer posible a primeira edición deste torneo de baloncesto que conxuga actividade deportiva e promoción turística, pois coa celebración do mesmo pretendemos poñer en valor e dar a coñecer a marabillosa natureza coa que contamos na Montaña Lucense, atraendo ata este punto a equipos de diferentes cidades como Xixón, Ponferrada, Oviedo, León, Burela, Lugo ou A Coruña”.
Pola súa parte, Fernández Queipo engadiu que “decidimos poñer en marcha esta iniciativa para que rapaces e rapazas chegados de diferentes puntos de Galicia e de localidades limítrofes teñan a oportunidade de vir coñecernos e descubrir unha paraxe única, ao mesmo tempo que desfrutan do baloncesto e dunha competición que reunirá 20 equipos das categorías infantil e cadete tanto masculinos como femininos. Esta é a primeira edición, pero agardamos que se poida consolidar no tempo”.