Xornada de Pleno no Concello de Lugo, e xornada que repite primeiro punto do día. Un mes máis o goberno de Lara Méndez levou á sesión plenaria dous recoñecementos extraxudiciais de crédito (REC). O REC é un sistema de pago que, de maneira excepcional, poden usar os concellos para aboar os servizos ou traballos realizados por empresas para a administración para os cales non se dotou da correspondente partida orzamentaria; ben porque foron servizos prestados con anterioridade ao ano presupostario actual ou ben porque o contrato é nulo de pleno dereito.
Así, o Concello de Lugo aprobou hoxe dous novos REC que suman case 900 facturas, moitas delas con reparos de legalidade; algo que, pese a definirse como unha “medida excepcional”, no caso do goberno municipal non o é. Os grupos da oposición que se abstiveron nas votacións (só Cidadáns votou en contra dun dos casos levados a pleno hoxe), tiveron moito que dicir acerca, precisamente, desta medida que xa é “reiterada”.
Todos os grupos lembraron que se trata dunha situación moi repetida mes tras mes e sempre coas mesmas excusas que, para algúns, como Olga Louzao, voceira de Cidadáns, son “excusas de mal pagador” que só reflicten, en palabras do voceiro popular, Antonio Ameijide, “a inoperancia e mala xestión do goberno local”.
Tanto Ameijide como Louzao resaltaron, ademáis, que o goberno de Lara Méndez leva, só en 2018, máis de 2 millóns de euros aboados con reparos de legalidade, que se suman aos máis de 20 millóns de euros pagados, nesta mesma situación, na pasada anualidade.
Pero non queda aí a cousa, Carlos Portomeñe, voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida (ACE-EU) , reprochou as excusas do goberno local ante a “ineficacia” das súas políticas económicas. Para Portomeñe, non ten sentido que o goberno se escude na falta de orzamentos como excusa de non levar a cabo as licitacións necesarias, cando algunhas das facturas veñen, incluso, do ano 2015; antes de que se conformara o actual goberno. Portomeñe, asemade, acusou á edil de Economía de ser unha “inepta” no desenrolo das súas labores ao frente da xestión municipal.
Víctor Álvarez, novo Concelleiro
Cambiando de terzo, o Pleno deu a benvida hoxe a un novo edil que cubrirá o sillón do exconcelleiro de Lugonovo, Iñaki García. O elixido pola asamblea da agrupación local foi o propio voceiro da mesma, Víctor Alvarez, quen se estreou no pleno presentando unha moción para converter ao Concello de Lugo na primeira cidade galega polo Comercio Xusto.