O Executivo Provincial súmase aos actos organizados por Raiolas Lugo con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA), que se celebra hoxe, 2 de abril. Deste xeito, o Goberno da Deputación iluminará de cor azul as fachadas do Pazo de San Marcos e do Fogar de Santa María, simbolizando a sensibilidade do organismo coas persoas e familias afectadas por este trastorno.
O Executivo Provincial colabora con Raiolas cunha achega económica de 17.000 euros para a dotación dunha caldeira de gas e a instalación do sistema de calefacción do novo local que posúe o colectivo na capital lucense. Esta axuda engádese a outras colaboracións por parte do Goberno da Deputación a Raiolas que permiten que esta entidade contrate a un traballador social que formará parte do persoal co que conta este colectivo, a través do Ben Empregado 3; así como a realización dunha clase á semana, de dúas horas de duración, de psicomotricidade, encamiñada á conservación e mellora da condición física das persoas con TEA.
Ademais de todas estas achegas, Raiolas contará co 1º centro de día de autismo da provincia, que xa é propiedade da asociación grazas á cesión gratuíta do Goberno da Deputación, que tamén financiará as obras necesarias para o seu uso público.
Conmemoración tamén no Concello de Lugo
A Corporación municipal lucense, coa Alcaldesa, Lara Méndez, á cabeza, sumouse á conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, participando na lectura dun manifesto sobre a realidade e as necesidades das persoas con este trastorno e as súas familias. Jorge Vilaboa, usuario da asociación Raiolas, fixo lectura do escrito, nun acto que tivo lugar na Praza Maior, diante da casa consistorial, e no participou tamén o Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos.