A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín e o director da Editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea, presentaron esta mañá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a programación de actos organizada polo colectivo, en colaboración co organismo provincial, para conmemorar o centenario do coro lucense Cántigas e Aturuxos, o primeiro en gravar o Himno Galego. Polín desexou que a súa música “non caia no esquecemento e siga vixente a súa memoria musical lucense e galeguista”.
No acto, no que tamén estivo presente a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, Polín reivindicou o papel activo do coro, lembrando a figura da agrupación musical.
Escoitámola:
Os actos programados para esta homenaxe arrincarán este mércores coa presentación do libro “Coro Cantigas e Aturuxos. Repertorio Lucense 1918”, do escritor Ramón González, quen tamén asistiu á presentación.
Dentro da programación tamén se inclúe a actuación de coros históricos. O Coro Toxos e Froles, a Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra actuarán durante os vindeiros meses de marzo e abril, concretamente o 21 e o 28 de marzo e o 4 e 11 de abril, respectivamente.
Todas as funcións musicais terán lugar no Salón de Actos da Deputación, a partir das sete da tarde.
Para porlle o ramo a estes actos de recoñecemento, abrirase unha mostra pública e gratuíta, sobre as primeiras gravacións lucenses deste coro a partir do vindeiro 19 de marzo no Centro de Artesanía e Deseño.