A localidade de Sarria celebra esta fin de semana a 23 edición da súa tradicional Feira de Antigüidades San Lázaro que contará con 26 expositores. Así o presentaron esta mañá a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo e a Alcaldesa da localidade sarriá, Pilar López Yáñez que contaron coa colaboración da anticuaria María Beltrán. A Deputación é a única administración que colabora con este Concello na organización da cita cunha achega de 2.500 euros.
López Izquierdo remarcou que “dende o Goberno da Deputación entendemos de vital importancia promover todos os eventos que contribúan a dinamizar as nosas Comarcas. Como é o caso desta tradicional feira de Antigüidades que xa celebra a súa 23 edición. Trátase dun mercado urbano cunha zona de exposición ao aire libre que engloba coleccionismo e antigüidades. Nel pódense atopar obxectos de todo tipo, pezas de colección, antigüidades, xoias, libros, discos, mobles de diversos estilos, arte e todo tipo de obxectos de decoración”.
Pilar López avanzou tamén que esta Feira contará con actividades paralelas como a exposición de coches antigos, talleres para nenos ou exhibicións de oficios tradicionais, ademais de exposicións de taller luthería medieval ou pintura. Tamén estará presente o grupo de danza e gaitas da asociación local Peleriños e Meigas e Trasgos. Ademais, sinalou que o Concello habilitará no recinto, un posto para ofrecer información sobre a Feira de San Lázaro e outros atractivos turísticos do municipio.
Maria Beltrán explicou que este ano o espazo xove do recinto esta adicado a hostalaría coa recreación dun café-concerto con mobiliario antigo e no que haberá ademais actuacións musicais en directo. Neste recinto poderase degustar tamén produtos típicos da Comarca de Sarria, como o queixo ou porco celta.
O evento terá lugar os días 7 e 8 de abril, nas rúas do Porvir e Marqués de Ugena no casco histórico da vila. A Rúa do Porvir é tamén coñecida como rúa dos anticuarios pola gran presenza de tendas deste sector, as cales estarán abertas ao público durante a feira. O recinto feiral estará aberto dende ás 11:00 ata 20:00 horas.