Fernán Vello denuncia o recorte e o “mal trato” do Goberno de Rajoy con Lugo

O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, amosou a súa indignación polo “auténtico mal trato que o Goberno de Rajoy outorga a Lugo no reparto das contas do Estado” e que se coñeceu hoxe coa entrega do proxecto de Orzamentos do Estado realizada por Montoro no Congreso.

Fernán Vello deixa clara a rotunda oposición de En Marea aos Orzamentos do Estado que “non revalorizan as pensións conforme ao incremento do IPC”, que conxelan as partidas orzamentarias destinadas a Galicia en relación a 2017, que xa viñan dunha redución orzamentaria do 32%, e que “suman a Lugo na total marxinación na distribución dos Orzamentos do Estado”.

“Parécenos un escándalo que o Goberno de Rajoy practique un recorte de máis de 9 millóns de euros nas partidas destinadas a Lugo, máis dun 20% menos”.

Neste sentido, lembra que en 2017 o Estado destinou a Lugo 47,4 millóns de euros que xa supuña “unha miseria no reparto, porque Lugo recibía o 0,8% do total estatal. O PP non debeu quedar conforme coa marxinación á que somete ao territorio lugués nos investimentos, que por riba redúcenos aínda un 20% máis”. Polo tanto, Fernán Vello afirma que “as contas do Goberno de Rajoy son a certificación por escrito do abandono de Lugo”.

“Levamos meses denunciando o grave deterioro das estradas de titularidade estatal en Lugo, meses denunciando o retraso da A-54, da demora na solución técnica para a A-8, toda a lexislatura denunciando o desmantelamento da antiga FEVE, e o proxecto de Orzamentos que hoxe traen á Cámara, é un suma e sigue do abandono, a deixación e a indiferenza que practican con Lugo”, o que para o deputado de En Marea supón “unha vergoña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com