A vicevoceira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ana López Pombo, denunciou o “estado de
provisionalidade” no que se atopa o Parque dos Paxariños, a zona verde de Fontiñas, dende hai 15 anos. Ana López Pombo lamentou o xeito no que “un dos proxectos estrela” dos socialistas para a cidade quedara “completamente abandonado”.
A vicevoceira popular realizou un chequeo das zonas verdes da cidade, dentro da campaña #LugoaExame, e comprobou “a imaxe lamentable” que se atopan todos os lucenses cando se achegan ata este parque. Segundo López Pombo “non é doado” camiñar por esta zona verde xa que hai varias árbores caídas no medio do camiño”. Neste senso, a popular solicitará que se revise o estado das árbores da contorna para evitar novas caídas. Pero ademais, hai unha carencia total de papeleiras, non hai puntos de luz, hai pintadas nas árbores e, incluso, unha zona de xogo para nenos “totalmente desmantelada”. “En resumo, o parque dos Paxariños está sumido nun total abandono”, afirmou a popular.
Pero no Parque dos Paxariños os socialistas cometeron máis “desacertos”. O proxecto de hortos urbanos para o bancal deste parque naceu “fracasado” xa que dende o goberno local non se decataron de que na actualidade estas iniciativas “xa non teñen tanta demanda como hai varios anos”. Unha vez pechado o prazo de peticións para acceder a un dos hortos habilitados nesta zona, unicamente doce persoas amosaron interese en facerse co nalgunha das 30 parcelas habilitadas, quedando valeiras máis da metade. Por iso, Ana López Pombo preguntará aos socialistas se teñen preparado un plan B e, en caso de telo, en que consiste, xa que sacar de novo a licitación as parecelas non parece o máis adecuado visto o pouco interese que xeraron na cidadanía.
A falta de mantemento é outra das eivas importantes nas zonas verdes da cidade. A popular asegura que hai máis dun ano que caducou o contrato de mantemento das zonas verdes (17 de marzo de 2017) e, polo de agora, segue sen adxudicarse, sendo un dos principais contratos que ten este Concello, xa que supera os 800.000€ anuais.