A asemblea de Vilalba Aberta anunciaba na mañá de hoxe que trasladará ao Pleno as “desoídas reivindicacións veciñais”, relativas ás continuadas deficiencias no sistema de recollida de lixo das parroquias.
A formación, fai así visibles as dificultades coas que se atopan os veciños e veciñas do rural froito da “caótica xestión municipal” dos seus residuos e a “total pasividade” do equipo de Goberno e mailo Alcalde, diante do que definiron coma unha prestación de servizo absolutamente “precaria e discrecional” e cuxa calidade cualifican de “inaceptable” para un Concello da entidade de Vilalba.
Na mesma liña se pronunciaba o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen urxiu ao Alcalde a “acometer coa maior brevidade posible, a revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos nas parroquias”, pola vía dun estudo que aporte os datos necesarios para arranxar un problema que, lembrou, “carrexa un impacto social moi negativo, tendo en conta ademais dos problemas de salubridade, o impacto pouco decoroso que pode xerar nos visitantes que se achegan a Vilalba nos meses previos ao verán”, concluíu.