O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida denuncia a existencia dun problema grave de acumulación de mofo e filtracións de auga nunha das aulas de terceiro curso do CEIP Casás. A dirección deste centro de ensino público leva dende xaneiro reclamando a intervención do goberno local sen recibir resposta. Non se trata dun problema menor, pois afecta directamente á salubridade, xa que o mofo e os fungos provocados pola humidade causan afeccións respiratorias e entre o alumnado hai varios cativos con enfermidades respiratorias crónicas, polo que ACE-EU esixe que se solucione canto antes e que se reparen as filtracións de agua existentes. Esta situación viuse agravada polos distintos temporais e trala volta das vacacións de Semana Santa tanto o persoal docente como as rapazas e rapaces queixanse de malos cheiros e do ambiente irrespirable, o que dificulta desenvolver as clases con normalidade.
“É inadmisible que o concelleiro de Educación, que é membro do Consello Escolar de Casás, director no colexio público que se atopa xusto ao lado deste e incluso veciño dese barrio non tivese nin un momento en tres meses para visitar este aula tras repetidas peticións ou nin sequera para enviar un técnico municipal que valorase o deterioro cada vez maior destas paredes”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU , en referencia ao concelleiro Manuel Núñez.