Ediles do BNG visitaron a Praza de Abastos do Concello de Lugo para urxir ao goberno local o adecentamento da parte baixa do edificio. A edil nacionalista Maite Ferreiro sinalou que “a insistencia do BNG provocou á ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados, agora falta adecentar o soto da Praza de Abastos para que sexa un lugar atractivo”. A edil do BNG lembrou que se fixo unha importante inversión para unir, a través dun túnel, o aparcadoiro de Santo Domingo coa Praza de Abastos “co redimensionamento das prazas de aparcamento a Praza de Abastos pode ser o un Lugar de ocio e comercio referente no centro da cidade, pero compre mellorar a imaxe do soto que é por onde acceden as persoas dende o aparcadoiro”.
Cableado solto, tuberías de saneamento visibles, pegotes de cemento no chan, unha limpeza deficiente, recebados e alicatados mal acabados, son algunhas das necesidades de mellora que precisa a planta baixa da Praza de Abastos. Ademais as actuais mesas “provisionais” instaladas polo concello non cumpren as mínimas condicións de hixiene nin estabilidade para as vendedoras que se achegan martes e venres aos mercados semanais. “Entendemos que pasou tempo suficiente e que houbo demasiadas queixas sobre este tema para que o goberno municipal continúe sen facer nada” afirmou Ferreiro.
A edil do BNG fixo tamén referencia á ampliación do tamaño das prazas de aparcamento “dende o BNG demandamos en moitas ocasión e con diversas iniciativas esta ampliación que debería formar parte dun plan global para solucionar o problema do aparcamento na cidade”. Ferreiro incidiu na necesidade de retomar un sistema de regulación de aparcamento e na creación de aparcadoiros disuasorios no entorno da cidade.