O PP de A Fonsagrada tacha “de irresponsable” ao alcalde, pois o polideportivo municipal corre o risco de sofrir algún desprendemento e “el mira para outro lado”. E é que dita instalación, como se pode ver na fotografía que se adxunta, presenta un estado “perigoso e de abandono”, o que pode chegar a causar un grave risco a usuarios ou persoas que transiten polas inmediacións da mesma.
O polideportivo leva nesta situación dende o mes de febreiro; concretamente, dende que o temporal producido nesas datas ocasionou os desperfectos da cuberta, pero o rexedor socialista non levou a cabo ningunha medida de protección, nin de vaiado. Por este motivo, dende o grupo municipal lamentan que, “unha vez máis, teñamos que saír publicamente para denunciar a vaguedade dun alcalde e dun goberno local que, ante unha situación semellante, e sendo perfectamente coñecedores de que se pode producir un desprendemento e ocasionar danos persoais, non busque unha solución. Máis ben pasa de todo”, afirman.