A Deputación avanzou este venres a aprobación en Xunta de Goberno da programación Promoción da Artesanía 2018, á que o Goberno provincial duplicou os fondos nesta anualidade ata chegar aos 57.000 euros, o que permitirá ofrecer máis dun centro de cursos e demostracións de artesanía tanto a Concellos como a Asociacións.
Cómpre lembrar que o Executivo da Deputación asume todos os custos de organización e celebración do conxunto de actividades, dirixidas a impulsar e promover o sector artesanal da provincia. Os interesados en participar deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral da Deputación. A vindeira semana, en www.deputacionlugo.gal haberá un espazo con toda esta documentación, bases e anexos, así como coa información de prazos de solicitude.
O programa Promoción da Artesanía 2018 conta cun orzamento de 57.000 euros divididos en dúas liñas. A primeira, recolle todos os cursos e eventos artesáns e está dotada de 44.000 euros. A través desta liña o Goberno da Deputación financiará a celebración de eventos de promoción da artesanía como encontros ou feiras; así como cursos de traxe tradicional popular, coiro, encaixe de palillos, cestaría, fotografía, instrumentos musicais, talla de madeira, tornaría, tear, olaría tradicional, cantaría, encadernación, pinturas e revestimentos decorativos, papel, papel artesanal, escenografía ou monicreques.
Logo de ter aprobadas as bases, e tal e como indica a normativa vixente, serán enviadas á Base Nacional de Subvencións para seren publicadas posteriormente no BOP e abrir o prazo de solicitude, previsiblemente, en dúas semanas.
Doutra banda, está a liña de demostracións en vivo, dotada de 13.000 euros e coa que se financiarán unhas 40 demostracións en vivo: coiro, olaría, cestaría, cantaría, forxa, talla de madeira, torno, tear e creación de espectáculos de monicreques, ampliando tamén o número de disciplinas á totalidade das recoñecidas oficialmente. Son demostracións que ofrece a Deputación e que escollen posteriormente os beneficiados. Esta última, non é subvención.