A Garda Civil de Lugo investiga a unha muller lucense por manexar o seu vehículo pese a carecer de permiso de circulación dende 2015 pola perda de todos os seus puntos e por dar positivo nunha proba de alcolemia ao ir recoller aos seus fillos ao colexio.
Segundo a información facilitada polo Instituto Armado, os feitos sucedéronse cando os axentes que se atopaban na nacional VI á altura de Guitiriz nun punto de verificación de alcol e drogas, requeriu a documentación da conductora tras o que comprobaron a súa perda do carnet. Asemade, ao realizarlle a proba de alcolemia, a muller deu positivo ao duplicar a taxa establecida.
As dilixencias instruidas en relación a estes feitos por un delito contra a seguridade viaria foron entregadas ao Xulgado de intrucción de garda de Lugo.
Saída de vía no Paseo do Rato
Noutro eido, un condutor resultou ferido grave ao encaixarse contra unha árbore no Paseo do Rato de Lugo. O accidente tivo lugar á unha da madrugada deste venres.
O vehículo que conducía un home de 39 anos de idade, saíuse da vía pola marxe esquerda, á altura do centro de cestería. Chocou contra un sinal vertical, pivotes de madeira e unha árbore, que impediu que o automóbil se caese ao río. O condutor tivo que ser excarcerado polos bombeiros do amasillo de ferros en que quedou convertido o seu vehículo e foi trasladado por unha ambulancia ao Hula.