O PP cre que os cambios da rexedora condenan a Lugo a un verán máis sen praia fluvial

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, asegurou que a alcaldesa “condenou” aos lucenses a rematar o mandato sen que se instale na cidade unha praia fluvial. Ameijide realiza esta afirmación xa que “co terceiro troco de ubicación” que os socialistas lle deron a esta dotación “é imposible” que o goberno remate o presente mandato coa praia fluvial construída.

Antonio Ameijide explica que semella que a rexedora “non dá pé con bola” en todo o relacionado co Miño, xa que ao proxecto da praia fluvial engadimos o proxecto da Fábrica da Luz. “Con estes antecedentes moito nos tememos que os proxectos do Muramiñae sexan outro fracaso máis da xestión socialista á fronte do Concello de Lugo”, explicou o popular. O voceiro popular recorda que a primeira ubicación elixida polos socialistas era na contorna dos Robles, unha zona de baño na que o río si que ten profundidade suficiente para albergar a infraestrutura das piscinas que se colocarán no río. Logo, a rexedora se decantou polo paseo do Miño, nunha zona intermedia entre o acceso peonil dende o Pazo Universitario dos Deportes e o acceso dende a Ponte Branca.

Agora, nun novo xiro do seu rumbo, trocan a ubicación elixida para a praia fluvial polo que, seguramente, “haberá que comezar de novo todos os trámites administrativos” para a creación desta zona de baño pública, polo que “con este novo bandazo bota por terra todo o traballo administrativo, publicacións oficiais e trámites realizados durante o último ano”. “Primeiro de todo, teñen que decidir onde queren ubicar a praia fluvial e, a partir de ahí, facer un proxecto útil para todos os lucenses”, explicou o popular.

Antonio Ameijide fai esta reflexión xa que, despois de avaliar o proxecto rexistrado polos socialistas, queda claro que “unicamente fixeron un proxecto para saír ao paso das peticións dos lucenses” sen “deterse a estudar as necesidades de cada colectivo”. O voceiro popular explica que a alcaldesa quere “acondicionar unha zona de terra con lousas” para “minimizar o impacto ambiental”, un problema engadido para as persoas con mobilidade reducida xa que “un camiño de lousas non é a mellor opción”. Incluso, dende o Pazo dos Deportes non hai rebaixes nas beirarrúas para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida.

Incluso, a área de primeiros auxilios proxectada “nin contempla un mínimo de privacidade” para os seus usuarios xa que o goberno quere instalar “unha haima ou unha carpa” en lugar de ubicar unha infraestrutura semellante á que se instala na entrada do parque Rosalía de Castro durante as festas de San Froilán “ou calquer outra estrutura que de hixiene, seguridade e privacidade” aos usuarios que sexan atendidos por calquer tipo de accidente ou indisposición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com