Suárez Barcia pide a Feijóo apoio para definir os incumprimentos da Lei de Incendios

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ven de mandarlle un escrito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, requeríndolle novamente apoio para definir os incumprimentos da Lei de Incendios de Galicia no seu Concello. O rexedor lembra que xa lle solicitou ese apoio o pasado 8 de febreiro e que ata o momento non houbo resposta por parte da administración galega.

Suárez Barcia insiste en que os propietarios dos montes teñen ata o 31 de maio, en período voluntario, para desbrozar as súas propiedades co obxectivo de que existan unhas faixas de protección de 50 metros arredor das casas ou arredor dos núcleos rurais. De non ser así, o Concello recorrerá ás multas ou ás execucións subsidiarias.

Fernando Suárez anunciou que “lle vimos de mandar esa carta ao presidente da Xunta, relativa a este traballo ímprobo, moi organizado, moi estruturado, que levamos facendo desde hai varios meses, no senso de requerirlle a moitísimos propietarios de montes que teñen que cumprir a lei autonómica de incendios forestais”.

O alcalde ribadense lembra que “tal e como marca esta lei da Xunta teñen de prazo ata o 31 de maio de cada ano, en período voluntario, para facer os desbroces necesarios para que existan unhas faixas de protección de 50 metros
arredor das casas ou arredor dos núcleos rurais. No seu momento xa lle pedimos ao presidente da Xunta que nos axudase, non porque o teña que facer dunha maneira graciosa senón porque o marca a lei. Desde logo desde Ribadeo non queremos fuxir das nosas responsabilidades e sabemos que, para a prevención de incendios, tan importante é a actuación da Xunta de Galicia como a dos Concellos. No noso caso parece ser que hai unhas semanas foi moi mediático e tivo gran repercusión porque dos 313 concellos que hai no país, pois contados cos dedos dunha man son os que están intentando mandar cumprir a lei”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com