A Deputación asina un convenio con 40 concellos sobre as taxas de ocupación das enerxéticas

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, acompañado de técnicos da Deputación, presentou esta mañá, no Salón de actos do Pazo de San Marcos, o estudo elaborado polo Executivo Provincial para a posta en marcha dun convenio entre a Deputación e os Concellos lucenses interesados, co fin de elaborar unha ordenanza nos municipios na que se estableza a ocupación ás empresas das liñas eléctricas e de gas.

O convenio entre a Deputación e os Concellos consistirá na contratación conxunta para a realización dun inventario técnico-económico, así como a proposta de tarifas para a imposición e regulación da taxa das instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas por parte dunha empresa especializada. O organismo provincial asumirá o 50% dos custos da contratación e os municipios o outro 50% restante.

Aos primeiros 40 Concellos, previamente, solicitóuselles información sobre os bens municipais para determinar, de xeito provisional, a lonxitude de ocupación das liñas de tendidos eléctricos sobre os bens de titularidade pública de cada municipio. Con toda esta información, os técnicos da Deputación fixaron un importe de licitación dun mínimo de 3.000 euros para os que teñen menos lonxitude de liñas eléctricas e dun máximo de 6.000 euros para os que máis posúen.

Coñecida a lonxitude realmente ocupada e a natureza da mesma, poderase determinar o valor derivado dos aproveitamentos no correspondente estudio técnico-económico feito pola empresa adxudicataria. Desta forma fixarase, dun modo bastante aproximado, o importe da taxa, valorando a ocupación dos servizos no dominio público.

Durante o encontro, o Deputado e os técnicos provinciais, explicaron aos representantes dos 40 Concellos lucenses adheridos os resultados do estudo previo elaborado pola área de Cooperación cos Concellos da Deputación, destacando as tipoloxías de liñas eléctricas coas que contan. Nas vindeiras semanas o Executivo Provincial asinará con cada un dos municipios, o convenio de colaboración para a realización dese estudo técnico-económico e inventario definitivo co obxectivo de poder redactar canto antes a ordenanza municipal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com