O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou da aprobación na Xunta de Goberno Extraordinaria deste martes dos convenios de cooperación entre a Deputación e os Concellos da Fonsagrada, Pol e Trabada para a prestación pública de servizos sociais nos centros da terceira idade destes municipios. Os convenios garanten aos lucenses o acceso universal ás 94 prazas de residencia e 58 de centro de día destas dotacións.
Para o cumprimento deste fin, a Deputación comprométese cun investimento de case 3,5 millóns de euros en catro anos. É o orzamento que tería que destinar para financiar o 100% das prazas a maiores da provincia con dificultades económicas durante dito período. Son 1.152.000 euros para cada un dos centros da terceira idade: A Fonsagrada, Pol e Trabada.
Os convenios garanten prazas para lucenses e o seu acceso universal ás mesmas, con independencia da distinta situación económica de cada un dos maiores da provincia. Deste xeito, establecen que as prazas sexan en primeiro lugar para veciños do municipio onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra ou comarca e seguidamente para lucenses en xeral.
A Deputación achega ata 600 euros/mes por praza de residencia e 300 euros/mes/xornada completa por praza de centro de día. De non seren suficientes estas cantidades, o organismo provincial tamén asume o déficit existente ao seren centros de Concellos de menos de 5.000 habitantes e, polo tanto, con menos recursos económicos.
Estes convenios garanten aos lucenses certas vantaxes con respecto aos centros públicos da Xunta. A primeira delas, é que os veciños terán praza sempre no seu propio Concello ou nun limítrofe para non ter que abandonar o seu entorno habitual. Asemade, calquer maior da provincia poderá acceder aos centros da Deputación e os Concellos con independencia da súa capacidade económica. Por último, os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica, agardando meses.
As prazas recoñecidas oficialmente nestes centros son: Trabada, 30 de residencia e 20 en centro de día; A Fonsagrada, 28 de residencia e 20 en centro de día; e Pol, 36 en residencia e 18 en centro de día. Total: 94 en residencias e 58 en centros de día.