O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, cesou hai escasos minutos a Manuel Martínez como Vicepresidente da Institución Provincial.
Campos anunciou que o novo Vicepresidente e, que polo tanto ocupará o posto de Manuel Martínez, será Argelio Fernández Queipo, alcalde da Fonsagrada e Deputado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Medio Ambiente.
A crise entre os socialistas agravouse onte, cando o Deputado e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, votou co Partido Popular no Pleno da Deputación no que os populares pretendían devolverlle as competencias sobre as Residencias provinciais á Sociedade Urbanística Lucense, que todavía dirixe Martínez.
Martínez seguirá, polo momento, ao fronte de Suplusa, xa que só o Consello de administración da Sociedade ten as competencias para cesar ao presidente, que podería contar co apoio dos populares, chegado o momento.
Martínez foi apartado tamén da área de xestión territorial que leva vías e obras que tamén asumirá, Fernández Queipo. O alcalde de Becerreá tampouco estará xa na Xunta de Goberno. Asemade o PSOE reunirá este serán a súa executiva de Lugo para tratar a situación en que queda Manuel Martínez no partido.
Ante estes recentes acontecementos, Martínez xa ten asumido que será apartado das filas socialistas, polo que avanzou que descarta recurrir o expediente de expulsión, como fixera na mesma situación, na que se atopou tamén hai tres anos. Ademáis, asegurou que volverase a presentar como candidato á alcaldía de Becerreá e que, de non poder estar no PSOE, faríao a través dunha “lista independiente”.