O PP de A Fonsagrada sospeita que as piscinas municipais levan 8 anos de retraso “por intereses persoais do alcalde”, xa que “aquí todos sabemos que as do cámping, que están en funcionamento dende hai moito tempo, son explotadas por persoas achegadas á súa familia. Quizais por iso ao socialista non lle convén facer as novas”, insinuan.
Os populares fan esta valoración, manifestándose moi críticos co socialista, porque non entenden a que se debe tal parálise no proxecto, sobre todo, porque en maio de 2010, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a creación dunha comisión de representación de todos os grupos políticos para buscar unha nova ubicación para proceder á súa construción.
Este acordo plenario derivouse de que os terreos nos que se iniciaran as obras hai anos non cumprían as condicións para albertar esta infraestrutura, ao estaren considerados como chan rústico, sendo preciso que, para a súa construción, contasen coa consideración de chan dotacional. Así o explicaba, precisamente, o rexedor na sesión indicada, quen tamén asegurou que o Concello estuaría a posibilidade de chegar a un acordo cos propietarios das piscinas do cámping para que os fonsagradinos puidesen facer uso destas instalacións a un prezo máis económico, mentras non estivesen abertas as novas.