A executiva provincial do Partido Socialista de Lugo reuniuse onte ao fío das 20.30 horas para tomar unha decisión sobre o futuro do ex vicepresidente da Deputación e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez Núñez. A executiva chegou a un acordo unánime de comezar os trámites de expulsión de Martínez, despois de que incumprira a disciplina de voto nos dous últimos actos plenarios e nas últimas dúas Xuntas de Goberno.
Asemade, a Executiva culpa a Martínez de, en reunións anteriores aos Plenos e onde todo o grupo tiña “adoptado un acordo sobre a posición de voto por maioría”, ter feito declaracións públicas contrarias “ao ordenamento e marco normativo que aos militantes do Partido Socialista nos é imperativo”.
Segundo se estipula no informe, a executiva provincial decidiu manifestar o seu apoio ao Presidente da Deputación, Darío Campos, tras o cese de todos os seus cargos a Martínez excepto como presidente de Suplusa. No acordo remitido aos medios, a executiva cualifica como “moi graves” os feitos levados a cabo polo alcalde de Becerreá e propón iniciar un expediente disciplinario.
Do mesmo xeito, os socialistas solicitan á Executiva Federal a expulsión provisional de Martínez e deixa convocado un Comité Provincial para dar conta á militancia e aclarar os feitos acontecidos; dado que, segundo o acordo, o acaecido “posiciona ao PSOE na Provincia de Lugo nunha conxuntura que merece reflexión, valoración e a maior transparencia cos nos compañeiros militantes”.