A sinistralidade nas estradas recupera a tendencia descendente na provincia

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, presidiu esta mañá a reunión da Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Vial na que se presentou e analizou o balance de sinistralidade correspondente ao ano 2017. Así, na pasada anualidade houbo que lamentar nas vías interurbanas da provincia un total de 16 vítimas mortais, o que supón 11 vítimas menos que no ano anterior.

No que vai deste ano, rexistráronse catro falecidos nas estradas lucenses, dous en accidentes acontecidos en vías interurbanas e dous en tramos urbanos.

Na xuntanza desta mañá, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, fixo unha análise pormenorizada dos sinistros mortais rexistrados nas vías interurbanas da provincia ao longo do pasado ano. Neste senso, lembrou que máis do 87% deses accidentes se rexistraron en vías convencionais (con 14 falecidos) e o resto en autovías (2). En canto ao tipo de accidente, a meirande parte dos sinistros con falecidos foron saídas de vía (con 10 vítimas), seguidos das colisións frontais e das colisións laterais ou frontolaterais.

O 43,7% dos accidentes mortais tiveron lugar nos meses de maio e xuño, e das 16 persoas falecidas, 12 eran varóns. A meirande parte das vítimas viaxaba en turismos. Outras 3 vítimas mortais circulaba en camións, un dato que contrasta co ano anterior, cando non houbera ningún falecido en sinistros neste tipo de vehículo. O ano pasado houbo ademais que lamentar un falecido en atropelo, mentras que non se rexistrou ningunha vítima en sinistros de motocicletas ou ciclomotores.

Dende a Xefatura provincial de Tráfico lembraron que é complicado determinar as causas exactas dos accidentes de tráfico, ao concorrer xeralmente varias ao mesmo tempo. De todos os xeitos, referíronse á conducción distraída ou desatenta e á velocidade inaxeitada como os factores que máis se repiten. Citaron tamén o cansancio ou sono e o consumo de alcohol ou drogas como circuntancias presentes nalgúns dos sinistros mortais rexistrados na provincia.

Os representantes de Tráfico insistiron ademais na obrigatoriedade de facer uso dos dispositivos de seguridade nos vehículos, e lembraron que das 16 persoas falecidas en accidentes en vías interurbanas da provincia o ano pasado, 5 non facían uso do cinto de seguridade.

No encontro celebrado hoxe deuse conta ademais das actuacións levadas  cabo polos efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil e deuse conta da  creación dunha subcomisión que tén como obxectivo a posta en marcha e implantación do plan provincial de Educación Vial, enmarcado no Plan Estatal de Educación Vial.

Esta subcomisión terá como obxectivo fomentar a colaboración entre todas as administración e outras organizacións públicas e privadas. Así mesmo, serán o marco no que debater as accións que se desenvolverán en relación ao traballo que a Dirección Xeral de Tráfico xa fai para reducir a sinistralidade nas estradas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com