Tableros Hispanos comprométese con Lugonovo a incorporar melloras contra a contaminación

Lugonovo visitaba a pasada tarde as instalacións de Tableros Hispanos para coñecer, en primeira persoa, baixo qué protocolos de seguridade ambiental opera a compañía. Un encontro que a voceira do Grupo Municipal cualifica de “moi proveitoso” tras acadar, durante o seu transcurso, o compromiso da empresa de ter incorporadas, ao remate do verán, varias medidas que diminuirán o impacto contaminante da súa actividade industrial.

“Nuns días reunirémonos de novo coa veciñanza para trasladarlles con detalle en qué consistirán estas actuacións e para programar con eles unha nova visita á factoría coa fin de que poidan comprobar por sí mesmos a súa aplicación”, indica Cristina Pérez Herráiz.

Entre as intervencións anunciadas pola directiva de Tableros Hispanos destaca especialmente, a xuízo da formación, a instalación dunha pantalla acústica, superior aos 5 metros de altura, na parte do recinto que linda coa urbanización de O Vilar e que só agarda pola concesión da correspondente licenza municipal, e a plantación, a continuación da mesma, dunha zona arbórea que exercerá de barreira natural para amortecer o son que xera a produción de aglomerados.

Así mesmo, dende Lugonovo subliñan como outros avances positivos a próxima colocación de sistemas que corrixirán a emanación á atmósfera do po resultante de moer a madeira, ou a posta en marcha dunha caldeira de biomasa que reducirá, considerablemente, o consumo de combustibles fósiles.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com