A Garda Civil detivo onte ao fío das 13.00 horas a tres homes de 27, 40 e 51 anos de idade veciños do Carqueixo, no termo municipal de Becerreá, como presuntos autores dun delito de furto.
Os detidos supostamente substraxeron dúas motoserras do interior dun garaxe situado na localidade de Becerreá a primeira hora da mañá. A raíz destes feitos, os axentes da Garda Civil inician un operativo policial que da como resultado a identificación dos detidos cando circulaban pola estrada N-VI nunha furgoneta cos obxectos substraídos no seu interior. Os tres detidos foron postos a disposición xudicial.
Delito de estafa
Noutro eido, a Garda Civil detivo ás primeiras horas desta mañá a unha veciña de Guitiriz de 45 anos de idade como presunta autora dun delito de estafa.
Os axentes comezan unha investigación tras rexistrarse en dependencias policiais da Mariña Lucense unha denuncia, o pasado mes de febreiro, dun presunto delito de estafa cando autores descoñecidos substraen e utilizan unha tarxeta de crédito sen autorización do seu propietario enter o día 18 e o 26 do mesmo mes, sumando un total de 5.600 euros substraídos. A persoa detida será posta a disposición xudicial.