Lugonovo proporá no vindeiro Pleno do día 26, que o Concello mellore a seguridade viaria nos cruzamentos da rúa Mar Cantábrico e pídelle ao goberno que estude, en primeiro lugar, a posibilidade de regulalos mediante rotondas. “Ao longo do seu percorrido, esta rúa presenta varias interseccións moi conflitivas. Son, onde converxe, por unha banda, con Poeta Manuel María, Santo Graal e Rei Chiquito e, pola outra, con Reverendo Xosé Fernández Núñez, Milagrosa, Mazaira e Camiño Real”, explica a voceira da formación.
O Grupo Municipal destaca a perigosidade que entraña, para o tráfico, a multidireccionalidade que se dá nestes enclaves, pola cantidade de manobras que propicia e por tratarse dunha zona na que se inclúe unha contorna escolar. “A converxencia, nestes puntos, de ata catro e cinco vías diferentes, fai preciso un ordenamento específico que se adapte non só aos niveis actuais de circulación, senón que ademais sexa capaz de prever o seu aumento coa próxima peonalización da Praza da Milagrosa”, advirte Cristina Pérez Herráiz.
Unha realidade que, a xuízo de Lugonovo, aconsella a instalación de rotondas como a ferramenta máis eficaz para gañar en fluidez, “porque evita retencións innecesarias”, e para diminuír o número e a gravidade dos accidentes “xa que a súa propia configuración obriga aos condutores a moderar a velocidade para incorporarse a elas”, conclúe a voceira.