O Deputado de Mocidade, Pablo Rivera Capón, presentou esta mañá a Olimpiada Matemática para alumnos de 2º ESO, que conta cun investimento da Deputación de 1.500 euros, sendo a única administración que colabora con esta iniciativa educativa. Nesta cita participarán 500 alumnos de 2º ESO de 100 centros educativos de toda Galicia. O certame está organizado pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (Agapema), e está dirixido a estimular a reflexión e a creatividade na resolución de problemas de matemáticas. Nesto acto estivo acompañado por Manuel Vilariño e Victor Pollán do colectivo Agapema.
Rivera Capón remarcou “a necesidade de promover propostas que incidan na mellora educativa dos nosos escolares como é o caso desta Olimpiada. Nesta edición, a provincia de Lugo está representada por 50 alumnos de 14 centros educativos. Ademais o vindeiro 24 de maio disputarase a final galega en Lugo, e os gañadores acudirán a Valencia, para disputar a final nacional, con todos os gastos pagados”.Na pasada edición, a Olimpiada Galega Matemática gañárona dous lucenses.
Nesta 19ª edición, a Olimpíada Matemática Galega 2º de ESO está dirixida a todo o alumnado do 2º curso da ESO dos centros públicos e privados de Galicia. Cada Centro pode presentar á Fase de Zona dous participantes por cada unha das súas unidades (grupos-clase).