A Xunta colabora coa Apehl cun plan para ampliar oportunidades laborais de 85 desempregados

A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) no impulso do plan integral de emprego Dimo Lugo III dirixido a ampliar as oportunidades laborais de 85 persoas sen traballo.

O Goberno galego achega con este fin 204.000 euros que fan posible a realización deste programa, que comezou o pasado mes de decembro e que ten previsto desenvolverse ata finais do mes de novembro, isto é, cunha duración estimada dun ano. O plan incorpora un programa específico de formación e prácticas laborais que mellorará a cualificación e desempeño dos futuros profesionais da hostalería e restauración, un ámbito de especial importancia nunha provincia con gran potencial turístico e de servizos como é a de Lugo.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen, acompañado do presidente da Apehl, José Francisco Real, visitou ás persoas beneficiarias dun destes cursos que se imparten nas sedes sociais que a asociación de hostalería ten en Lugo (rúa Ramón Montenegro) e Monforte de Lemos (rúa Zapateira).

As accións formativas son moi variadas e, de feito, os 85 alumnos participantes teñen a oportunidade de adquirir coñecementos teóricos e prácticos en ámbitos como a manipulación e hixiene alimentaria, operacións básicas de restaurante e bar, alfabetización informática, auxiliar de cociña e sala, camareiro/a de pisos, axudante de cociña, inglés básico para hostalería, entre outros, a inmensa maioría delas combinadas con prácticas laborais.

O plan integrado inclúe tamén accións personalizadas de información, orientación e asesoramento nas técnicas de busca activa de emprego, coaching, prevención de riscos, obradoiro de entrevistas e competencias dixitais e redes sociais. Outra das importantes vantaxes deste plan integrado de emprego é que prevé a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes, unha vez finalizado o programa formativo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com