A asemblea de Vilalba Aberta instará ao Goberno Local a habilitar un lugar específico para que os veciños das parroquias poidan depositar os residuos plásticos derivados do uso agrícola, evitando así que este tipo de materiais acaben abandonados ou en colectores que non son os máis apropiados para favorecer a reciclaxe. A formación asemblearia ven de rexistrar esta proposta en forma de iniciativa de urxencia, con vistas á súa inclusión na orde do día do vindeiro Pleno ordinario, a celebrar previsiblemente o xoves da semana que vén.
O seu voceiro, o edil Modesto Renda, lembraba hoxe a este respecto que “o carácter fundamentalmente agrario do Concello de Vilalba require do seu Goberno a inmediata mediación e fomento da recollida destes materiais, fixando un enclave específico para o depósito dos mesmos en cada unha das nosas parroquias” sentenciou. É por isto que na iniciativa, a asemblea de Vilalba Aberta chama ao cumprimento e a posta en práctica dos compromisos do Goberno Municipal en materia de medio ambiente e desenvolvemento sostible, ademais de ao inicio dunha campaña de información explicativa do sistema de recollida que chegue a todas as persoas relacionadas con actividades agrícolas e gandeiras como potenciais usuarias deste servizo.
Neste senso, á parte de solicitar puntos específicos para a recollida destes materiais plásticos, dende a formación consideran acaecido que estes lugares estea debidamente delimitados e sinalizados cumprindo coas exixencias medioambientais ao respecto.