A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dispón de proxecto aprobado e orzamento consignado para executar a obra de acondicionamento da rúa Serra de Meira entre a glorieta de conexión da Ponte Paradai e a glorieta situada na Avenida Adolfo Suárez. O orzamento de licitación ascenderá a 589.628,18 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que pese a que a Xunta está en disposición de comezar a obra, “leva máis de dous anos agardando a que o Concello de Lugo responda sobre a viabilidade de aplicar o Plan Xeral de Ordenación Municipal nesta zona”.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) ten manifestado que a actuación entre Serra de Meira e a avenida Adolfo Suárez non é autorizable nos termos nos que está definida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
A Consellería de Infraestruturas remitiu ao Concello de Lugo o 23 de outubro de 2015 un informe explicando a incompatibilidade entre as disposicións do PXOM para esa zona e as condicións establecidas pola CHMS para a protección do cauce do río Rato, e instando á Administración local a coordinarse coa Confederación e resolver esta discrepancia de forma que se puidera avanzar no proxecto.
A día de hoxe, o Concello continúa sen responder a esta demanda, que resulta indispensable resolver para poder executar as obras con seguridade xurídica.