O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, e o Tenente de Alcalde, Efrén Castro, mantiveron un encontro con usuarios e profesionais da residencia pública deste Concello coa que a Deputación mantén unha estreita colaboración.
O Vicepresidente explicou que o Executivo Provincial, en resposta ás necesidades dos veciños trasladadas polo Concello, concedeu unha nova axuda de 57.000 euros para mellorar a atención aos 98 maiores que residen nesta dotación pública e que se engaden aos 120.000 euros outorgados na pasada anualidade para o mesmo fin. Fernández Queipo avanzou que está prevista outra axuda da Deputación de 60.000 euros con cargo ao Plan Único 2018 para máis melloras na residencia. Isto suporá un investimento total de 237.000 euros nos últimos dous anos.
“Somos Concello e Deputación os que estamos a atender aos maiores da residencia pública de Sarria porque a Xunta, non achega nin un só euro, nin para melloras, nin para concertar prazas, tendo que asumir a totalidade de custos o Concello coa imprescindible axuda da Deputación”, destacaron a Alcaldesa e o Tenente de Alcalde.
Os fondos da Deputación serviron para pagar as nóminas aos case 50 profesionais que prestan servizos sociais nesta dotación pública, para mellorar as propias instalacións ou adquirir material e mobiliario imprescindible. Por exemplo, rehabilitáronse as salas de recepción e de espera e adquiriuse maquinaria de rehabilitación ou material de lavandería como pixamas, toallas ou sábanas, entre outras actuacións.
Precisamente, neste senso, López Yáñez lembrou o “cando cheguei á Alcaldía atopei unha residencia que o Partido Popular deixara nun estado de total abandono. Entraban correntes polas fiestras e nin tan sequera había material básico para atender aos maiores como sábanas ou toallas”. Fernández Queipo destacou que estas axudas enmárcanse “na nosa aposta por unha Deputación coas persoas e sumamente social, que atende as necesidades dos nosos veciños nos 67 Concellos”.
O Vicepresidente salientou que a Deputación ofrece atención profesional a outros 70 maiores de Sarria a través do Servizo a Domicilio a non dependentes e da Teleasistencia gratuíta, precisamente, porque a Xunta de Galicia, administración coas competencias directas na materia, non o fan.