Ace-Eu esixe un novo concurso público para o servizo de animación sociocultural

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida considera necesaria a convocatoria inmediata dun novo concurso público tanto para a prestación integral da animación sociocultural nos centros sociais como das actividades extraescolares nos centros de ensino público, debido aos reiterados e graves incumprimentos de contrato que a empresa adxudicataria dos dous servizos, Serviplus Total, está a cometer.

Para ACE-EU existen motivos de sobra para a rescisión de ambos contratos con esta empresa por non observar as súas obrigas tanto legais como contractuais con respecto ás condicións laborais dos traballadores e traballadoras, algo factible debido a que o cumprimento estricto das condicións laborais está contemplado nas prescripcións destas contratas como “condicións especiais de execución”, polo que o seu incumprimento faculta á administración local para determinar a resolución do contrato, ademáis da imposición de penalidades á empresa.

“Non podemos consentir que os servizos municipais sexan desempeñados por empresas esclavistas, o goberno local ten a oportunidade de dar exemplo e mandar unha mensaxe contundente a quen pretenda enriquecerse con cartos públicos a costa da precarización e explotación laboral. O Concello de Lugo non pode funcionar como unha Empresa de Traballo Temporal”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Segundo informou onte o goberno municipal e polo establecido por contrato, os monitores deberían cobrar 7,5 euros á hora e os auxiliares 6,2 €/h, cantidades de por sí irrisorias, pero a empresa estálles a pagar 6 e 4 €/h respectivamente. Estes soldos de miseria son inadmisibles, moito máis cando se trata de servizos municipais e se están a infrinxir as condicións de contratación pública”, salienta Portomeñe.

ACE-EU ten constancia de varias denuncias interpostas en Inspección de Traballo por diferentes traballadores adscritos a estes servizos municipais, así como de diversas queixas de suma gravidade, entre as que se atopan o incumprimento das subidas salariais anuais e outras melloras sociolaborais comprometidas na oferta pola que esta empresa gañou os concursos celebrados.

Entre as neglixencias recurrentes atópanse o retraso esaxerado no ingreso mensual dos salarios chegando a acumular varios meses de impago nalgúns casos, o non pagamento dos salarios durante as baixas laborais de longa duración por enfermidades graves, a non entrega de copias de contrato e nóminas mensuais, os despedimentos debidos a baixas por enfermidade, o non abono das horas extras e dos períodos vacacionais, ou a realización de labores non contempladas na categoría profesional correspondente. “O mínimo que debe facer o goberno ante a acumulación de agravios cometidos por esta empresa é abrir un expediente sancionador referente ás condicións laborais do persoal adscrito a este servizo e impoñer as sancións máximas”, insistiu o concelleiro de ACE-EU.

ACE-EU advertiu tamén da existencia dun posible fraude con respecto ao suministro de material funxible e non funxible para a correcta impartición dos cursos, que tamén corre a cargo da empresa como obriga contractual e figura nas facturas mensuais cobradas ao Concello. “As monitoras e monitores queixánse de que son obrigados a aportar o material necesario para as clases do seu bolsillo, dende lenzos e pinturas ata aparatos musicais, polo que a empresa estaría facturando de xeito fraudulento por estes materiais”, explicou o concelleiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com