A Plataforma Sanitaria da Mariña critica a “obscena” comida do PP tras os recortes en sanidade

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de cualificar como un acto “obsceno e inherente ao PP” celebrar esas “opíparas comidas” entre afines e cargos políticos do país e da comarca mentres mariñás e mariñaos están a sufrir as consecuencias directas dos recortes e da camuflada privatización da sanidade pública que se empeñan en “vender” coma máis e mellores servizos ou reforzo dos hospitas comarcais polo feito de desaparecer como Área Sanitaria.

Desde a Plataforma Sanitaria destacan tamén o feito de que xa non utilizan a palabra “blindaxe” para referirse aos efectos da lei de saúde sobre as Áreas que suprimen senón que cambian totalmente a semántica da frase co termo “reforzo” que semella máis descafeinado.

Respecto das palabras da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, afeando a conducta a membros da Plataforma con respecto a ediles do PP de Viveiro e “xa que se empeña en seguir con esa teima” a organización manifesta que “se ben cando agardas que as institucións e o goberno da Xunta se impliquen nas xustas reivindicacións dos colectivos cidadáns mariñaos, a raiba e os sentimentos de perda dalgo tan sensible como a sanidade poden aflorar de xeito explosivo, xamáis se poderá comparar coas acción políticas que leva a cabo o PP e que mesmo conduciron á morte de enfermos ao negárselle unha medicación que de ser administrada curaría a súa enfermidade e pola que están a ser xulgados altos cargos do SERGAS” .

A Plataforma Sanitaria tamén quixo deixar claro que considera “positivo” que se fagan obras de ampliación, que son moi necesarias e “que levamos a demandar hai moito tempo”, pero tamén considera que as obras non deixan de ser “fume e propaganda electoralista se non van acompañadas dos conseguintes aumentos de persoal e dos servizos existentes”, así como da dotación de novos servizos que son moi necesarios.

“Novos servizos significa que se creen a partir da finalización da laureada obra, non os que xa crearon en precario no pasado e para calar a forte contestación social que sempre tiveron na Mariña. E que nos saibamos non hai ningún servizo novo, pois de habelo temos por seguro que se terían anunciado a bombo e pratiño e o único que escoitamos é a ampliación nos espazos das consultas, unhas cantas habitacións que non redundarán máis que nunhas poucas camas máis, o que desde o PP refiren como aumento da confortabilidade do paciente, e que repetimos que era algo máis que necesario e que chega con moito retraso”-conclúen desde a Plataforma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com