A Xunta de Galicia financiou con 81.700 euros a reconstrución da ponte no Rego do Porto, en Bustelo, na parroquia de Buriz, e a rehabilitación dos piares da ponte sobre o río Ladra no Porucelo, parroquia de Pígara, ambas obras no municipio de Guitiriz.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que ambas actuacións foron sufragadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial.
Balseiro desprazouse hoxe ata Guitiriz e visitou as obras acompañado pola alcaldesa, Regina Polín, e o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en Lugo, José Manuel Rozas, entre outros.
Na parroquia de Pígara reconstruíronse os piares da ponte sobre o Ladra en Porucelo, unha área incluída dentro do espazo natural LIC Parga-Ladra-Támoga e tamén na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A estrutura ten unha lonxitude aproximada de 26 metros e tres piares de apoio executados en mampostería, que estaban parcialmente derrubados debido á acción da auga e dos materiais que arrastra. Nesta actuación investíronse 29.160 euros.
Igualmente, no Rego do Porto de Buriz executouse unha nova ponte de paso cunhas dimensións aproximadas de 5,70 metros de luz, cun ancho de 6 metros e unha altura libre dende o cauce de 2,70 metros. Contou cun orzamento de máis de 52.556 euros e foi precisa unha intervención íntegra, dende a cimentación ata a propia construción da ponte e a rexeneración do entorno.
O delegado sinalou que estes fondos proceden dos ingresos derivados do canon eólico, que a Xunta distribúe entre obras e servizos municipais relacionados coa protección do ambiente e do espazo natural, sendo os principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.