Vilalba Aberta emendará os Orzamentos coa presentación dun plan de racionalización de gasto

A asemblea de Vilalba Aberta ven de dar a coñecer a súa postura perante os Orzamentos presentados polo Goberno Municipal de cara á aprobación das contas do Concello para o exercicio 2018. Neste senso, e logo de cualificar de “vergoña institucional” a – para eles – “falta de seriedade” exhibida polo Alcalde ao fixar o debate orzamentario nun punto máis da orde do día dun Pleno Ordinario e desbotar por terceiro ano consecutivo un procedemento de negociación encamiñado á procura de acordos e consensos, dende a formación asemblearia anuncian que vincularán o sentido do seu voto á aceptación por parte do Goberno dunha batería de medidas enmarcadas nalgúns dos parámetros programáticos máis recoñecibles de Vilalba Aberta, isto é: o aforro e a máis estrita eficiencia no gasto público coa a erradicación do despilfarro nos gastos do Goberno e do persoal de confianza e a súa contrapartida coa inversión en políticas de emprego e no gasto social coma garantía de progreso e benestar para o conxunto da veciñanza.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil na Corporación, Modesto Renda, cualificando de “inmoral” que a partida destinada a sufragar os “gastos” dos Órganos de Goberno se fixara en 187.000 euros, namentres que o fomento do emprego en Vilalba e a relativa a políticas para o rural tan só perciban do Concello un 0,6 e un 0,002% dun total orzamentario, fixado para 2018 en 12.084.460 euros.

“O Alcalde debería de explicarlle á veciñanza porque saca peito dunhas contas municipais saneadas única e exclusivamente grazas ao sacrificio duns vilalbeses/as bombardeados a golpe de taxas e a catastrazos, ao tempo que nin o primeiro membro do Goberno e amigos se apertou o propio cinto para reverter unha situación, lembremos, provocada pola xestión irresponsable da dupla Baamonde/Criado na alcaldía” declaraba un Modesto Renda que será, en tanto que único Concelleiro da formación, o encargado de defender no debate do vindeiro xoves o que dende Vilalba Aberta veñen a definir coma “Plan de racionalización e de eficiencia no gasto público”.

Unha emenda á totalidade, destinada a reforzar as partidas de fomento do emprego e medio rural, ámbalas dúas fundamentais para a asemblea veciñal, remarcan, “nun contexto de despoboamento e regresión dun sector primario que, ao igual que no conxunto da comarca, constitúe un factor determinante na economía local vilalbesa”.

Neste senso, propoñen unha drástica baixada nos gastos de “Goberno” coa limitación a un máximo de 3 salarios mínimos interprofesionais para as dedicacións exclusivas (salario do Alcalde incluído) e medio para as parciais. Un importante aforro para unhas arcas municipais que se verían favorecidas, tamén, coa revisión das condicións dun persoal de “confianza” que dende Vilalba Aberta consideran a perpetuación do clientelismo e da dinámica caciquil dentro do consistorio. Pretenden así que o Goberno Municipal lle devolva á veciñanza o sacrificio que esta fixo para deixar a débeda pública a cero e que o diñeiro aforrado repercuta en máis emprego, máis inversión e máis gasto  social para que a recuperación chegue á economía das familias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com