O Goberno da Deputación iniciou o proceso para a posta en marcha da Residencia da Pontenova. “Este mesmo luns o BOP recolleu o prego de condicións para a adquisición dun terreo para a construción dun centro de atención a maiores na Pontenova. O procedemento que rexe esta convocatoria é de concorrencia pública”, sinalou Campos Conde.
Para a construción da mesma, o terreo non deberá ser inferior a 2.000 m2. Esta adquisición conta cun investimento máximo de 125.000 euros, realizarase ao abeiro do Convenio asinado polo Concello coa Deputación. O prazo para presentar as ofertas remata o día 22 de maio, segundo consta nas bases.
A parcela ou parcelas, deberá estar ben situada, en chan urbano, e valoraranse positivamente as ofertas de terreos que estean próximos tanto ao Concello, ao Centro de Saúde, ou a Farmacia da Pontenova ou a outros lugares de interese, co fin de que os usuarios non perdan a súa proximidade ao núcleo da vila, facilitando así a súa actividade diaria.
Campos Conde destacou que “esta infraestrutura social que construiremos en solitario Deputación e Concello busca ofrecer aos veciños máis maiores da zona un servizo profesional que lles permita desenvolverse con normalidade no seu día a día, e preto das súas casas. É por iso polo que dende o Goberno Provincial, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, estamos a construír unha rede de residencias e centros de día públicos, coas que facer fronte á escaseza de prazas públicas para maiores na provincia”, sinalou.