Román Rodríguez visita o futuro centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo, en Foz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta tarde o conxunto patrimonial de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, que está integrado pola igrexa, a reitoral e a súa contorna de finca e xardíns.

O departamento de Cultura da Xunta de Galicia leva investidos máis de 1,3 millóns de euros na rehabilitación da Casa Reitoral da basílica, onde se está ultimando o centro de interpretación de San Martiño cuxa apertura se realizará en breve, tal como sinalou o conselleiro.

San Martiño de Mondoñedo é un dos primeiros bens de interese cultural declarados en Galicia e, en concreto, a declaración da súa basílica como monumento data do ano 1931. Segundo Román Rodríguez, a próxima apertura do centro de interpretación suporá un elemento dinamizador tanto cultural como turístico para a zona, que servirá para a divulgación e posta en valor da que é a catedral católica máis antiga de España que se conserva en pé.

O centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo foi concibido grazas ao consenso entre a Consellería, o Concello de Foz e a Diocese Mondoñedo-Ferrol, para a instalación dun proxecto expositivo da antiga catedral que o departamento de Cultura da Xunta de Galicia financia con preto de 220.000 euros.

Tras a colaboración da Consellería, será o Concello quen asuma a xestión deste novo espazo e os custos derivados da súa apertura pública, incorporándoo á oferta de visita  pública, de contido cultural e turístico que xa neste momento está a desenvolver na igrexa de San Martiño. Pola súa parte a Diocese accede á instalación deste museo en dependencias da reitoral, así como a ceder pezas para a súa exhibición neste espazo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com