A Xunta de Goberno aprobou este mércores o nomeamento como director xeral de Recursos Humanos de Emilio Manuel Martínez Rivas, que se fará efectivo a vindeira semana coa súa toma de posesión. Martínez Rivas, de 53 anos e natural do concello coruñés de Riveira, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, e conta cunha longa e acreditada experiencia profesional de 27 anos. Durante seis foi vicexerente de Recursos Humanos da Universidade de Vigo e na actualidade, ata a súa incorporación ao Concello de Lugo, exerce como técnico superior de Xestión na Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento do Campus lucense.
Deste nomeamento informou hoxe en rolda de prensa o voceiro municipal, Miguel Fernández, que subliñou ademais que as prioridades do novo director xeral de Recursos Humanos serán impulsar a aprobación da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), a convocatoria e resolución das Ofertas Públicas de Emprego (OPEs) e a cobertura interina de postos vacantes, imprescindible para o bo funcionamento da Administración, así como todos os asuntos relacionados con persoal, isto é, entre outros, o proceso de funcionarización ou a posta en marcha do sistema de control horario. En definitiva, trátase de “gañar eficacia e eficiencia na xestión de persoal, o que repercutirá na mellora da prestación dos servizos á cidadanía”, indicou Fernández.
Por outra banda, na Xunta de Goberno deste mércores, segundo informou o voceiro, aprobouse a delegación nos concelleiros do Goberno da competencia para a aprobación da contratación, dos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, así como do gasto, nos casos de procedementos abertos simplificados, unha figura recollida na nova Lei de Contratos do Sector Público, que entrou en vigor o pasado 9 de marzo, e que é equivalente polo xeral aos antigos contratos menores, cun límite máximo de 80.000€ para obras e de 35.000€ para subministros e servizos. Esta delegación de funcións nos concelleiros servirá para axilizar os procedementos de contratación que teñan como máximo os devanditos importes.