A oposición, contra a nova Ordenanza Cívica

BNG-AA e ACE-EU amosáronse hoxe en  contra da recentemente presentada Ordenanza Cívica do goberno municipal de Lugo. Ambos grupos cualificana como desproporcionada e ambos critican o afán recadatorio que pouco ten que ver, din, co obxectivo de lograr unha mellor convivencia na cidade.

O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, anunciou que o seu grupo pedirá que a retirada da proposta desta Ordenanza Cívica. Arroxo explicou que “o PSOE trata de aplicar unha ordenanza tan desproporcionada como inútil, a maior parte das cuestións que se recollen nesta ordenanza xa están recollidas noutras ordenanza municipais e outras das que plantexan son inaplicables”. Por exemplo moitas cuestións xa están recollidas nas ordenanzas de medio-ambiente ou circulación. “Con esta ordenanza o PSOE vaise situar á dereita do PP e Cidadáns polo caracter represivo da ordenanza” dixo Rubén Arroxo.

“A ridiculez desta Ordenanza quedou demostrada por que o único que conseguiu o goberno municipal é que Lugo saise en varios programas de humor pola anécdota desta ordenanza en relación á prohibición das relacións sexuais dentro de vehículos”, dixo Arroxo que tamén sinalou outra serie de “despropósitos” que contén esta ordenanza. Na proposta de Ordenanza aparecen numerosas prohibicións como a de pedir na rúa, subir ás árbores, ou incluso levar unha silla plegable a unha zona verde.

Pola súa banda, Carlos Portomeñe, voceiro de Ace-Eu, avanzou xa que non apoiará a aprobación da Ordenanza Cívica anunciada pola alcaldesa por considerar que o seu “afán sancionador e recadatorio” non contribuirá aos supostos obxectivos de mellorar a convivencia e coidado do espazo público por parte da cidadanía. ACE-EU considera un anacronismo impulsar este tipo de normativa en 2018, que se estendeu como a pólvora entre os municipios do Estado antes do estalido da crise, pero que perdeu a lexitimidade ante a opinión pública ao evidenciarse que os problemas de raíz socioeconómica non se solucionan con máis persecución policial.

“As leis autonómicas e estatais, como a de Seguridade Cidadá ou Lei Mordaza, así como o resto de Ordenanzas e competencias municipais son máis que suficientes para garantir o civismo e o correcto uso do espazo público. Se o patrimonio e equipamentos municipais están tan degradados na actualidade é principalmente pola deixación de funcións de mantemento e limpeza do propio goberno local, sería máis xusto poñerlle algunha multa á alcaldesa é o seu equipo, que deberían ser os primeiros en dar exemplo no respeto e protección dos bens colectivos”, apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“Na actualidade, moitos gobernos municipais están a suspender ou reformar as ordenanzas cívicas vixentes, como o de Zaragoza ou Barcelona, por resultar contrarias a moitos dos dereitos constitucionais, e nalgún caso foron anuladas xudicialmente, como a do Concello de Palma, aprobada en 2014 e anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Baleares en 2016, tras ser demandada polos colectivos sociais e veciñais”.

ACE-EU considera que a esencia das Ordenanzas Cívicas é criminalizadora e parten da premisa de que todo cidadán é culpable dun comportamento inadecuado ata que se demostre o contrario, e que en virtude das mesmas os policías locais pasan de ser axentes a “sheriffs” ao máis puro estilo norteamericano. “Non ten sentido aprobar esta Ordenanza cando a Policía Local está a queixarse permanentemente de persoal e recursos insuficientes para desenvolver os seus actuais labores, como se realizaría de xeito satisfactorio a vixianza correspondente a esta nova Ordenanza sen aumentar a plantilla e ampliar horarios incluindo turnos de noite?”, cuestiona o concelleiro de ACE-EU, que advirte nesta proposta “a intencionalidade encuberta de recuperar de novo a brigada nocturna”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com