A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta na provincia de Lugo 2.235 prazas dentro da campaña de verán 2018; son 80 máis que o ano pasado, o que supón un incremento do 4%.
Estes datos foron dados hoxe a coñecer polo delegado territorial, José Manuel Balseiro, durante a presentación da programación de campamentos e campos de traballo para a mocidade que ofrece a Xunta na provincia e que supón un orzamento de 759.487, 75 euros.
Balseiro explicou que dende o 21 de xuño e ata o 30 de agosto sucederanse 26 campamentos, en distintas quendas e agrupados por tramos de idade -poden asistir nenos e nenas dende os 9 aos 17 anos-, que se desenvolverán nas instalacións da Xunta en Viveiro, Portomarín, Ribadeo, Palas de Rei, Lugo, Os Peares e no albergue municipal de Quiroga.
Ademais, Viveiro e Ribadeo acollerán tres campamentos en oferta concertada e o LUG II, na capital, a actividade Conecta con Galicia, para maiores de 14 anos.
Igualmente, haberá 7 campos de traballo internacionais para persoas de entre 18 e 30 anos, nos que poden participar descendentes de galegos residentes no exterior, e que terán lugar en Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, Portomarín, Xermade, Guitiriz e Pobra de Brollón.
O delegado destacou que a presente convocatoria “afonda no carácter inclusivo das actividades de verán que organiza a Xunta, ao reservar máis prazas para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero, para menores en situación de garda ou tutela administrativa e para mozos e mozas con discapacidade”. En concreto, para estas situacións hai reservadas 30 prazas en Lugo.
Balseiro lembrou que os mozos e mozas lucenses poden acceder ás 9.870 prazas que oferta a Xunta no seu conxunto, nas catro provincias galegas e mesmo fóra de Galicia. Así, grazas a acordos con outras comunidades, ofrécense preto de 315 prazas en campamentos do País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e, como novidade este ano, Cantabria.
As persoas interesadas teñen de prazo ata o día 18 de maio para presentar as solicitudes. A oferta concreta de datas, lugares, grupos de idade e outros datos pode consultarse na páxina web daXunta, na área de Xuventude, onde atoparán o folleto informativo, ou no Diario Oficial de Galicia do día 25 de abril