A asemblea de Vilalba Aberta ven de facer público o cartel da que será xa a cuarta cita do seu ciclo de conversas coa veciñanza. A pouco máis de 2 meses da última, coincidente coa véspera da folga feminista e que o pasado 7 de Marzo congregou a un bo número de veciñoss na Taberna A Lareira, esta nova parada das súas denominadas Palestras Abertas xuntará ás 19:30h deste venres e desta volta no Hostal – Restaurante Terra Chá, ao voceiro da Asociación Animalista Libera! e da Plataforma Galicia mellor sen touradas, Rubén Pérez Sueiras; á fundadora da
asociación vilalbesa Os Peludiños, Tamara Cardoso e ao tamén fundador do proxecto Frente LA Santuario Animal de Vilalba, José Antonio Benito.
Tres novos palestrantes “de excepción” en palabras do edil asembleario Modesto Renda, que non ocultou a súa ledicia pola boa acollida que está a ter a iniciativa e polo interese mostrado por ámbolos tres convidados diante da posibilidade de “conversar e debater coa veciñanza vilalbesa acerca do benestar, a tenza responsable e a correcta integración animal nas contornas rural e urbana”. Un “necesario debate pendente”, lembrou, “para unha formación de marcado carácter animalista como é Vilalba Aberta.