Doce empresas optan ás obras da LU-212 e LU-642

Un total de doce empresas presentaron ofertas para executar as obras de reforzo do firme localizado nas estradas autonómicas LU-212 e LU-642, licitadas o pasado mes de marzo pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda en 918.243 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a mesa de contratación está valorando as ofertas e, unha vez adxudicado e asinado o contrato, os traballos terán un prazo máximo de execución de seis meses.

Balseiro afirmou que as obras teñen por obxecto mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación do tráfico rodado en 8,3 quilómetros da LU-642 entre Oural (Sarria) e A Ferrería do Incio, presupostados en 613.498 euros, e 10,8 quilómetros entre Taboada e Monterroso, cun investimento previsto de 304.745 euros.

En concreto, do total do orzamento destinado a este proxecto, o 35,1% corresponde a actuacións no concello do Incio, o 31,8% ao concello de Sarria, o 19,9% ao de Monterroso, e o 13,2% ao de Taboada.

O proxecto define a rehabilitación localizada do firme naquelas zonas nas que se aprecie deterioro e a súa posterior reposición con mestura bituminosa en quente, así como as correspondentes tarefas de renovación e reposición da sinalización horizontal e vertical, entre outras.

Os traballos na estrada autonómica LU-642 dan continuidade aos traballos executados o pasado ano no tramo entre as localidades de O Hospital e A Ferrería, ás que destinou un total de 136.000 euros. En anos anteriores a Xunta tamén executou a mellora noutro tramo no seu enlace coa LU-641 para o que se destinaron 185.000 euros. A obra proxectada completaría a mellora integral desta vía pola que transitan habitualmente os veciños de Sarria e do Incio, como vía de comunicación interior.

Ao respecto, o delegado lembrou que a Consellería “proxecta constantemente intervencións nas estradas da rede autonómica para que se atopen nas mellores condicións posibles para unha condución máis segura, e prioriza as actuacións atendendo a criterios como o deterioro do firme ou a densidade de tráfico da vía, entre outros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com