Lugo reparte sorte mañá co sorteo da Lotería Nacional a favor da AECC

Lugo será mañá sede dunha nova edición do sorteo de Lotería a favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O evento foi presentado este venres no Salón de Plenos do Concello pola Alcaldesa de Lugo, a directora xeral da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Noema Paniagua, o subdirector de Xogos da Sociedade Estatal Loterías e Apostas do Estado, Juan Antonio López, o Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, e a presidenta da AECC de Lugo, Mª Luz Abella.

Trátase dun sorteo que arrincará ás 13:00 horas no Edificio Administrativo da Xunta en  Lugo, que ten como obxectivo unir forzas na loita contra o cancro, unha enfermidade da que se diagnostican cada ano case 230.000 casos novos, dos cales case 16.000 son en Galicia.

Noema Paniagua sinalou o compromiso constante de Loterías e Apostas do Estado, “un compromiso firme e estable, xa que tanto as necesidades de pacientes e familiares como a investigación non se poden paralizar. Por iso é polo que sexa, non só un exemplo, senón fundamental na loita contra o cancro ”. Juan Antonio López destacou que: “o sorteo da Asociación Española Contra o Cancro é un dos máis especiais dos que celebra Loterías e Apostas do Estado cada ano. Está marcado no noso calendario de sorteos viaxeiros polo seu carácter social e pola súa celebración ininterrompida ao longo dos anos, desde 1989 ata hoxe. No que respecta ao sorteo deste ano, emítense 120 millóns de euros, en décimos de 12 euros e repartíndose en premios o 70%, é dicir, un total de 84 millóns de euros. Destaca un Primeiro Premio de 1.000.000 de euros por serie, un segundo premio de 250.000 euros por serie e un terceiro premio de 50.000 euros por serie”.

José Manuel Balseiro fixo referencia “ao imprescindible labor da Asociación nestes 60 anos de historia en momentos moi difíciles de miles de persoas que ven como o cancro pon en risco a súa vida”. Pola súa parte, Sonsoles López quixo destacar a importancia do sorteo contra o cancro, primeiro polo apoio que supón á AECC, “entidade que ten todo o  recoñecemento e que respaldamos polo gran labor que fai, de apoio a doentes e familiares co que suple o que a administración competente non fai”.

Por último, Mª Luz Abella non quixo deixar de mencionar a xenerosidade e o compromiso do pobo de Lugo non só neste sorteo, senón en todas as actividades que emprende a AECC na provincia “porque sempre que solicitamos a súa axuda, non dubidaron en brindárnola, así que contamos tamén esta vez coa súa colaboración”. A delegación da AECC en Lugo ofrece servizos gratuítos de atención a pacientes e familiares e realiza campañas de concienciación en prevención e detección precoz para todos os lucenses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com