A Alcaldesa de Lugo presidiu esta mañá o acto de toma de posesión do novo director xeral de Recursos Humanos do Concello, Emilio Manuel Martínez Rivas, despois de que a Xunta de Goberno aprobara o mércores pasado o seu nomeamento. No acto participou o Secretario Xeral do Pleno, Justo Díaz.
Martínez Rivas, de 53 anos e natural do concello coruñés de Riveira, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, e conta cunha longa e acreditada experiencia profesional de 27 anos. Durante seis foi vicexerente de Recursos Humanos da Universidade de Vigo e agora, ata a súa incorporación ao Concello de Lugo, exercía como técnico superior de Xestión na Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento do Campus lucense.
As prioridades do novo director xeral de Recursos Humanos son impulsar a aprobación da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), a convocatoria e resolución das Ofertas Públicas de Emprego (OPEs) e a cobertura interina de postos vacantes, así como todos os asuntos relacionados con persoal, isto é, entre outros, o proceso de funcionarización ou a posta en marcha do sistema de control horario.