Corenta emprendedores desenvolven o seu proxecto nas instalacións do CEI Nodus do Concello de Lugo tras a incorporación nos últimos días de 9 negocios a estas instalacións municipais. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, mantivo este luns un encontro cos beneficiarios dos locais, un acto que serviu como un punto de encontro máis entre os emprendedores para coñecerse e aproveitar sinerxias. De feito, Prieto destacou o CEI non só como un espazo físico do que poden dispoñer, senón como un “ecosistema emprendedor, no que as empresas poden intercambiar coñecementos e experiencias nun ambiente colaborativo”.
Dos corenta proxectos emprendedores, 20 ocupan un local no CEI e outros 21 son os participantes na terceira fase do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, que o Concello desenvolve tamén nas instalacións de Garabolos en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI).
Dende a súa posta en marcha, pasaron polo Centro de Innovación e Empresas do Concello máis de cen empresas, que crearon 300 empregos, directos e indirectos. O índice medio de supervivencia das mesmas é moi elevado, situándose nun 75%.
O CEI é unha das mostras máis representativas do compromiso do Goberno coa dinamización económica e a creación de emprego, que se reflicte nos orzamentos deste ano, nos que contempla 3M€ para accións no eido laboral.