A Praza Maior de Meira, o principal espazo público do Concello, lugar de reunión e convivencia veciñal, no que se celebran, entre outras citas, a tradicional feira quincenal ou a Festa da Malla, non terá barreiras arquitectónicas e será totalmente accesible grazas á Deputación e ao Concello.
O presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, e o alcalde da localidade, Antonio de Dios, supervisaron hoxe o inicio das obras de mellora de acceso e asfaltado da Praza Maior, que financia o Goberno da Deputación con 125.000 euros. Faino en resposta ás peticións dos máis de 1.700 veciños do municipio, que lle foron trasladadas polo propio Rexedor.
Campos Conde subliñou que “facemos totalmente accesible e eliminamos todo tipo de barreiras arquitectónicas nesta Praza Maior dentro da nosa aposta por unha Deputación coas Persoas. Instalaremos 4 ramplas para persoas con mobilidade reducida, levaremos a cabo a rehabilitación da pedra e de todas as táboas dos bancos, colocaremos novas luminarias de baixo consumo, que permitirán aforrar custes ao municipio, e melloraremos o firme de toda a praza con aglomerado en quente, ademais de situar zonas de aparcadoiro, reservando varios espazos para xente con mobilidade reducia e para servizos de emerxencia, como o de ambulancia”.
O presidente e o rexedor supervisaron tamén as obras de rehabilitación da Rúa da Balsa e a mellora de accesos aos núcleos de Riocabo, Vilar de Mouros, Irimia Alta e a Cova, que levou a cabo o organismo provincial con preto de 40.000 euros en resposta ás peticións veciñais. Estas actuacións benefician de maneira directa aos máis de 150 veciños que viven nestes núcleos urbanos de Meira. Concretamente, na Rúa Balsa os traballos, xa rematados, permitiron mellorar a traída de auga a 5 vivendas desta zona, renovando a rede de tubaxes.
En Riocabo, mellorouse o firme con aglomerado en quente, sinalización horizontal e vertical, repintando e incremento da seguridade vial. Mentres que en Vilar de Mouros, Irimia Alta e a Cova, leváronse a cabo labores de limpeza de cunetas e bacheado.