O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que a calidade
da EDAR de Lugo é “moi deficiente”. Ameijide fixo esta afirmación despois de coñecer un informe de Augas de Galicia no que se outorga esta puntuación á estación depuradora de Lugo, xa que Augas de Galicia é un organismo competente para realizar un asesoramento técnico e de supervisión da xestión das EDAR coa finalidade de que se obteñan os máximos rendementos de depuración posibles.
O voceiro popular explicou que dende Augas de Galicia atoparon diversos incumprimentos da normativa vixente, como niveis de fósforo ou nitróxeno superiores ao permitido, o que desembocou en que este órgano tutelante outorgara “a valoración global da calidade de explotación como a valoración global da EDAR como moi deficientes”. Por iso, o popular realizará varias preguntas ao goberno socialista para saber que medidas se van a tomar para reconducir a situación, por que chegan estes informes negativos ao Concello de Lugo e que ocorre na EDAR para que as valoracións sexan negativas.
Neste senso, para Antonio Ameijide “é alarmante” o incumprimento “das esixencias da Autorización de vertido” para os parámetros analizados en 3 das 10 mostras tomadas. “Non estamos ante un erro puntual, son erros que se repiten ao longo do tempo e o equipo de goberno non toma cartas no asunto para poñer coto a estes incumprimentos”, afirmou o popular.
O certo é que os informes negativos sobre a EDAR non son algo novo no Concello de Lugo, “tal e como se confirma no informe”. Ameijide explicou que nel se advirten “incumprimentos reiterados” como “a ausencia de solución aos problemas xa coñecidos dende hai tempo, como o escaso caudal das bombas de recirculación interna ou as dificultades para o control da aireación”. Tal é a despreocupación dos socialistas no referente á EDAR que “levan sete anos co contrato caducado e sen facer nada por regularizar a situación”.
Ademais, no informe se apuntan outros incumprimentos como as reixas de grosos de limpeza automática avariadas ou que as bombas de recirculación interna contan cunha capacidade menor que a establecida, o que limita a desnitrificación.