Ribadeo amosa as súas delicias de ‘Tapeo’

O XIII Ribadeo de Tapeo desenvolverase do 11 ao 20 de maio en 44 locais hostaleiros do municipio. Cociñeiros como Yayo Daporta, Gonzalo Pañeda e Lucía Freitas formarán parte do xurado profesional que elixirán as mellores tapas o 21 de maio. Será no hotel restaurante Voar e só concorrerán a esta cita os establecementos que o desexen. O público tamén elixirá a mellor tapa e a mellor barra entre os 44 que participan nesta cita gastronómica. Haberá ademais cantos de taberna, sobremesas musicais e tapas gastro accesibles.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, lembrou que “hai trece anos o Ribadeo de Tapeo se presentaba como unha novidade na comarca, un concurso de tapas onde un gran número de establecementos do concello participaban neste evento. E hoxe xa é todo un clásico, está consolidado, e ademais foi provocando unha serie de reaccións, e outros lugares recolleron tamén este importante escaparate de presentación dos mellores produtos locais”.

A edil nacionalista dixo que “este ano en Ribadeo celebramos o Ribadeo de Tapeo dende o 11 ao 20 de maio, e serán 44 os establecementos que van participar e que nos ofrecerán eses saborosos petiscos que levan, supoño case dende o ano anterior, preparando para presentarse ao concurso do Ribadeo de Tapeo. É unha nova entrega gastronómica, onde os nosos cociñeiros poñen o seu graíño de area ofrecendo barras máxicas sempre atarefadas, nas que se atopan amigos, familias e conversas que flúen entre produtos esenciais da gastronomía local”.

Martínez explicou que “por segundo ano consecutivo, repetimos formato de selección dos premios do xurado profesional. Desta maneira concorrerán só os establecementos que o desexen. Para os que se presenten voluntariamente, a organización convocará a mostrar nun único local a súa tapa. Esta selección celebrarase o 21 de maio no Hotel Restaurante Voar, cun xurado profesional formado por cociñeiros e expertos gastronómicos con renome entre os que se inclúen Lucía Freitas, membro do Grupo Nove e Gonzalo Pañeda, un dos grandes da cociña asturiana cunha estrela Michelín. Neste xurado tamén estará Yayo Daporta, membro do Grupo Nove, cunha estrela Michelín e dous soles da Guía Repsol, en 2014 presentou xunto a Susi Díaz e Alberto Chicote o programa de televisión Top Chef. Completan este xurado Marcos Santamaría Somoza e Carlos Pérez Blanco, profesionais do IES Foz de hostalaría”.

A edil ribadense sinalou que “o público tamén será participantes co seu voto, a través das tarxetiñas que se depositen nos establecementos decidirán a tapa gañadora entre o total dos establecementos que concorran, o mesmo que o premio á mellor barra. Os nosos larpeiros terán a posibilidade de gañar máis dunha trintena de premios entre os que se atopan ceas, menús degustación, cestas de produtos ecolóxicos, etc . O prezo será de 1,50 euros por petisco”.

 

A responsable de Turismo no Concello de Ribadeo indicou que “como en edicións anteriores, a celebración do concurso darase a coñecer nos medios de comunicación con campañas publicitarias, carteis e folletos, a través da web http://turismo.ribadeo.gal/tapeo e da aplicación móbil RibadeoGastronómico ou Ribadeo de Tapeo, e a maiores este concurso estará integrado noutra aplicación que recolle os principais concursos gastronómicos de Galicia Quedamos de Tapas. Durante varios días, contaremos coa colaboración da Fundación Tic para darlle unha maior difusión ao evento”.

Ana Martínez aproveitou a ocasión “para agradecer á hostalería de Ribadeo pola súa participación no concurso, porque sen eles sería imposible facer tal evento, así como os agasallos que doaron para os premios que se repartirán entre o publico premiado. Durante este décimo terceiro Ribadeo de Tapeo temos como obxectivo por en relevo o papel das tapas como elemento diferencial da nosa gastronomía, así que vos animamos a participar neste xogo de sabores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com