3.000 euros para unha marquesiña sen parada

Continúan as queixas da oposición en torno ao servizo de autobuses da cidade. Se hai un mes o Concello presentaba unha nova marquesiña situada na Rúa Lamas de Prado, hoxe é Lugonovo quen denuncia que nesa marquesiña non para o autobús. Catro son as liñas que transcorren por esa vías, a 4, a 5,  a 4E e a E14A, pero todos os autobuses pasan e largo, e en dirección contraria a esa marquesiña que lle custou ao concello máis de 3.200 euros de gasto.

“3.254 euros foi o investimento que precisou esta dotación que, ata o momento, só serve de zona de descanso a cuberto para os peóns que camiñan pola contorna porque, o que é o transporte público nin sequera ten retorno por esa rúa, senón por Casás, Trapero Pardo ou Aquilino Iglesias Alvariño”, explica a portavoz de Lugonovo.

Cristina Pérez Herráiz anuncia que a formación preguntaralle ao executivo qué sentido tivo colocar a infraestrutura nese enclave e non en fronte, onde se atopa a actual parada só sinalada cun poste “e, para iso, en moi malas condicións de conservación. Non sabemos se houbo algún impedimento técnico para poñela onde realmente é útil, ou se se tratou dunha cuestión estética, ou mesmo se esta curiosa ubicación responde á remodelación de percorridos prevista para o bus urbano e que a alcaldesa aínda non presentou, un ano despois de anunciala. Pero o feito é que a falta de interese deste equipo de goberno no seu labor estalle a saír cara aos lucenses cando remata en despropósitos deste calibre”.

A voceira lamenta que unha intervención coma esta, de pouco custo económico pero de gran transcendencia para a veciñanza, remate sendo un “malgaste” de recursos públicos por unha errada planificación. “Esto non tería pasado cun pouco máis de implicación por parte dos responsables políticos. Mágoa que o executivo só atope a ilusión de traballar por Lugo á hora de presentar grandes xestas como a pasarela sobre o Anxo Carro, que cun orzamento estimado de case un millón de euros seguramente dea, en propoción, menos servizo á poboación que esta marquesiña”, conclúe Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com